A nosa competencia non fai máis que contraprogramar. Alá eles, perden o tempo. A política cultural do FOP, a nai de todas as políticas, terá o seu máis outo desenvolvemento, sostible xa, cando rematemos a fase descrita no postit anterior. A medida que a metrópoli galega se vaia configurando hanse dar movimentos de poboación inevitabeis que tentaremos potenciar coa nosa política cultural.
Cando a xente nova chegue ás cidades, xa sexa ao barrio de Vigovedra, como ao de Ferrocruña, sentirá desexos de emigrar. Que marchen!, é bo que as novas xeneracións sigan os pasos dos seus pais. Levarán como agasallo un volume extraido da biblioteca da Cidade da Cultura para que lembren á PATRIA e fagan publicidade do PAÍS polo mundo.
Os que queden traballarán no que poidan, cando se lles dea traballo. A reciclaxe e a hostalería serán as actividades principais. Para elo, e diante do previsible esmorecemento do mito xacobeo, enviaremos a tonhito dipuá e a súa banda a facer propaganda do mito priscilianista, subvencionando a súa participación como teloneiros nos concertos das principais estrelas do pocrock. Este proceso se fará silandeiramente, como só nós o podemos facer, e o apóstolo será suplantado por Prisciliano nunha década. Tamén subvencionaremos a o bon Xesús de Todo para que escriba unha novela de 800 páxinas sobre o misterioso caso do Prisciliano este.
Agardamos con isto que sigan vindo moitos turistas dos máis cultos de Europa, Norteamérica, Xapón e Corea a visitar a CdC e arrabaldos que serán o centro das romaxes, pois a Catedral vai quedar pequena e a imos transformar nun centro exclusivo
. Reciclando o lixo que traen os visitantes, e o noso que non é pouco, e servíndolles bocatas de luras e tortilla (a.k.a. tortela) con sangría teremos á nosa xuventude traballada e entretida.
Incentivaremos a AUDASA, RENFE-ADIF, FENOSA e demais constructores e xestores de insfraestructuras a aproveitar os terreos edificables nas marxes das vías, debaixo das pontes e dos tendidos eléctricos para nichos de aluguer barato. Ningún mozo sen teito!. Nin moza, elogo!
Así ao tempo que solucionamos o problema da vivenda xuvenil, potenciamos o coñecemento de idiomas extrangheros e o intercambio cultural entre os pobos intelixentes.